Monday 20 de May de 2024

Os nenos e nenas de Neda celebran a tradicional festa dos maios en Albarón con flores, música e moito baile


Máis de 300 persoas, entre alumnado e profesorados dos CEIP de Maciñeira e San Isidro, participaron esta mañá na festa dos maios de Neda. A feira de Albarón encheuse de flores, música e baile nesta xornada de convivencia, coa que o Concello aposta por asentar entre os máis novos da casa esta celebración tradicional coa que antigamente se despedía o inverno.
A partir das dez da mañá os nenos e nenas dos dous coles públicos de infantil e primaria do municipio puxéronse mans á obra, botando man da imaxinación, para decorar con flores, fentos e outras plantas os troncos das árbores do espazo recreativo. O reto, conseguir a decoración máis espectacular e, como non, pasalo ben.

No antigo espazo da feira non faltou animación. A presenza dunha árbore humana centrou todas as miradas da rapazada, que tivo ademais a ocasión de participar, por idades, en distintas actividades de baile, da man do centro UPA Un paso adelante.

A academia preparou co alumnado de infantil unha versión do Xogo da Carrasquiña, os estudantes de 1º, 2º e 3º bailaron unha muiñeira tradicional, e os dos últimos cursos de primaria (5º e 6º) participaron nunha coreografía do tema “Midas” das Tanxugueiras. Finalmente, o profesorado e a concelleira de Educación, Ángeles Puentes, participaban nun baile final, a modo de despedida da festa.

Como vén sendo habitual, tampouco faltou a “merenda” a media mañá, na que a rapazada puido repoñer forzas cuns saborosos boliños preñados.

Tamén nas instalacións da escola infantil municipal Os Pelegríns, pequerrechos e familias sumáronse á festa, construíndo o seu propio maio.

Deja un comentario